Thursday 02 de May de 2024

A Xunta elimina un punto de vertido de augas residuais ao río Quintáns no concello de Porto do Son


― Os técnicos do Programa de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, detectaron a achega desde un bloque de vivendas da parroquia de Nebra durante un control rutineiro

― Os técnicos da Xunta requiríronlle ao titular a adopción das medidas precisas, constatando nunha recente visita o cese do vertido

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, eliminou un punto de vertido de augas residuais ao río Quintáns no concello de Porto do Son.

O punto de vertido foi detectado polo persoal do Programa de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, durante tarefas rutineiras de inspección que se levan a cabo nos distintos termos municipais do ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.

O persoal inspector localizou o vertido irregular na parroquia de Nebra, procedente dun bloque enteiro de vivendas da zona, que a través dunha rede de pluviais vertía directamente ao río.

A Xunta informou ao titular da necesidade de proceder á adopción das medidas precisas para a emenda do vertido.

Nunha nova inspección á zona, o persoal de Augas de Galicia verificou a finalización da achega de augas residuais, logo de levar a cabo as obras precisas para conectar adecuadamente as acometidas do inmoble á rede de saneamento municipal.